Sunday 28 de April de 2024

O Concello e a Construtora Benéfica Sagrada Familia promoven a rehabilitación gratuíta de vivendas de persoas vulnerables na cidade


A entidade atenderá os casos que se deriven desde a Concellería de Benestar Social

A alcaldesa Inés Rey apuntou que “as actuacións nos fogares tratarán de mellorar a funcionabilidade, habitabilidade, seguridade e hixiene das vivendas co obxectivo de que sexan fogares dignos e adecuados”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinou esta mañá un convenio de colaboración entre o Concello e a Construtora Benéfica Sagrada Familia para rehabilitar as vivendas de persoas vulnerables ou en situación de exclusión social da cidade.

Desde a Concellería de Benestar Social identificaranse as persoas usuarias dos Servizos Sociais municipais que se atopen na devandita situación de especial vulnerabilidade e/ou de exclusión social e derivarase cada caso á entidade Sociedade Benéfico Social Sagrada Familia para a rehabilitación das súas vivendas.

A entidade coruñesa é a única de España que leva a cabo este labor social. Creouse en 1954co obxectivo de construír vivendas para persoas e familias en risco de exclusión, evolucionando na actualidade cara a rehabilitación de edificios e fogares. O seu traballo centrouse ata o de agora nos barrios de Os Mallos e a Sagrada Familia, pero o convenio firmado este luns permite que leven a cabo actuacións en todas as zonas da cidade. Inés Rey destacou que este convenio “reforza o compromiso do Concello cos veciños e veciñas máis vulnerables da cidade, sobre todo as persoas maiores e as familias con menores que atravesan dificultades económicas, e dá cumprimento ao mandato constitucional de que todas as persoas teñen dereito a habitar unha vivenda digna e adecuada”. No acto de sinatura tamén estivo presente a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira.

En virtude do convenio, que terá unha duración de catro anos, o persoal técnico municipal de Servizos Sociais valorarán cada caso e informarán a Construtora Benéfica Sagrada Familia, que inspeccionará as vivendas para determinar as necesidades específicas de cada rehabilitación e executará as obras. O Concello, pola súa banda, comprométese tamén a facilitar a axuda e o impulso necesario para obter as oportunas licenzas de obra de acordo coa lexislación vixente e cando sexan necesarias.

“As actuacións nos fogares tratarán de mellorar a funcionabilidade, habitabilidade, seguridade e hixiene das vivendas co obxectivo de que sexan fogares dignos e adecuados”, sinalou a alcaldesa Inés Rey. Considéranse incluídas no ámbito do convenio as obras referentes a mellorar a eficiencia enerxética das vivendas. O custo das obras será sufragado pola entidade construtora. “Este novidoso convenio ven a reforzar o noso compromiso como goberno de mellorar a calidade dos servizos sociais do termo municipal e atención que prestamos a quen máis o precisa, tratando de mellorar a calidade de vida e traballar por unha cidade máis xusta e igualitaria”, engadiu a rexedora